Do 14 de outubro ao 11 de novembro participei nunha estadía como observador no instituto canadense Bell High School, situado na capital Ottawa. Esta experiencia é unha das modalidades que ofrece o programa PIALE da
Consellería de Educación para o profesorado galego. Trátase dun
programa de inmersión total, neste caso en inglés, consistente na
integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, no centro escolar de
Canadá.
A
experiencia foi moi produtiva, segundo Xosé M. Por un lado, supón un
pulo na mellora da competencia lingüística: mellora a confianza en canto
á expresión e comprensión oral, a fala e a escoita, en inglés. O feito
de ter que enfrontarse a situacións cotiás noutra lingua para resolver
algúns problemas, ir ao teatro ou ter conversacións telefónicas, por
exemplo, constitúe un reforzo e inflexión na aprendizaxe da lingua.
Doutra banda, asistir ás clases da materia que impartes permite coñecer
de primeira man o vocabulario específico, as expresións e o seu uso no
contexto apropiado.
Por
outro lado, a observación da práctica docente, da organización escolar
ou tratamento da diversidade permite reflexionar sobre a propia práctica
e realidade escolar. É interesante descubrir aspectos do sistema
escolar transferibles ou adaptables nas nosas escolas, así como as boas
prácticas. Neste sentido destacaría:
- Organización de horarios e espazos: aulas para cada materia / profesor. Períodos lectivos máis longos e con descansos entre eles. Os alumnos trasládanse e non o profesor, de xeito que se gana en eficiencia.
- Plan de estudos: reducir os contidos e as materias, adelgazar o currículo, dar prioridade ás tarefas e o traballo autónomos, ofrecer máis opcións para configurar o itinerario académico.
- Agrupamentos: son máis flexibles e en liña coa alta flexibilidade dos itinerarios académicos de cada estudante. Non se fan sempre por idade ou curso, senón por opción persoal (cada alumno opta polas materias que desexa, cuns mínimos obrigatorios), destreza ou coñecementos previos.
- Titoría entre iguais: o alumnado de 12º grao (o equivalente a 2º de bacharelato) son titores dalgúns outros grupos, tamén nos aspectos académicos.
Moitos
dos aspectos transferibles dependen de decisións que traspasan o ámbito
dunha escola polo que dependen da vontade dos lexisladores e
gobernantes. Pero algunhas das prácticas, especialmente no contexto da
aula, si se poden implementar. En todo caso, debemos ter en conta que as
sociedades sobre as que se asenta a escola non funcionan exactamente
igual polo que cómpre reflexionar sobre o que pode encaixar ou non; non
vale o copia e pega.
O profesorado de Educación Física da Bell HS impartía varias materias dentro do ámbito do departamento: Healthy
Living and Personal and Fitness Activities, Healthy Living and
Large-Group Activities, Introductory Kinesiology, Healthy Living and
Rhythm and Movement Activities, entre
outras. Estas foron o foco de observación durante a estadía e supuxo a
parte máis interesante, máis aínda pola posibilidade de participar en
actividades ligadas ao deporte nacional como o hóckey sobre xeo, algo
bastante alleo á realidade galega. Porque outra das características das
escolas é a excelente dotación en equipamento e espazos de que dispoñen;
no caso da Bell HS tiña a súa disposición o Bell Arena (con pista de
xeo regulamentaria), campo de béisbol, de fútbol, un sala de fitness e
outra de spinning, un ximnasio e varios espazos máis para EF. En
definitiva, asistir ás clases de Physed (Physical Education), como eles
lle chaman, interactuar con alumnado e profesorado supuxo un reto
enriquecedor.
O manexo da clase de Physed é bastante similar ao que se leva a cabo en Galicia pero
a forma de organizar esta materia nas escolas difire polo optatividade
das materias, a duración dos períodos lectivos (75 minutos) e o
currículo. Con todo calquera estudante ou profesor galego non tardaría
en adaptarse a estas clases (mesmo ao sosego e ausencia de ruído que
caracterizan o desenvolvemento das clases en xeral)
Ademais, asistín como observador a outras clases como ESL
(Inglés como Segunda Lingua), grupos onde se podía comprobar o grado de
diversidade cultural das escolas canadenses e o tratamento do ensino da
lingua. Tamén puido observar o desenvolvemento noutras áreas como
Artes.
En
definitiva, unha experiencia recomendable para todo docente e que, por
outro lado, tamén nos fai ver que aquí, nas escolas galegas, tamén se
está a innovar e a desenvolver moi boas prácticas.
Proposta didáctica
Ningún comentario:
Publicar un comentario