O bádminton é un deporte facilmente adaptable ás necesidades e obxectivos da materia de Educación Física, dadas as súas características relativas ao material, espazo, practicantes e aspectos técnico-tácticos. Dada a súa versatilidade, ofrécenos a posibilidade de xogalo desde unha óptica meramente lúdica, sinxela e asequible para a inmensa maioría do alumnado, como practicalo na súa vertente máis competitiva (totalmente secundaria nesta unidade) na que se esixe un maior dominio deste deporte. A esta particularidade engádenselle ademais outros aspectos positivos como:
- Non se require dunha fase de introdución excesivamente longa: desde o principio pódese lograr unha práctica máis ou menos continuada.
- É unha actividade non sexista: apenas existen diferenzas entre a práctica realizada polo rapaces e as rapazas.
- É fácil adaptar a súa práctica a diferentes grupos de idades e niveis de xogo.
- Ofrece outros modelos alternativos de actividade física para empregar no tempo libre.
- Permite desenvolver habilidades e destrezas que non se desenvolven noutros deportes máis convencionais.
- Moitos dos xestos técnicos son transferibles a outros deportes análogos.
- Contribúe a un estilo de vida saudable e de mellora da condición física dun xeito lúdico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario