venres, 20 de decembro de 2019

Programa PIALE - Integración en Canadá

Do 14 de outubro ao 11 de novembro participei nunha estadía como observador no instituto canadense Bell High School, situado na capital Ottawa. Esta experiencia é unha das modalidades que ofrece o programa PIALE da Consellería de Educación para o profesorado galego. Trátase dun programa de inmersión total, neste caso en inglés, consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, no centro escolar de Canadá.
A experiencia foi moi produtiva, segundo Xosé M. Por un lado, supón un pulo na mellora da competencia lingüística: mellora a confianza en canto á expresión e comprensión oral, a fala e a escoita, en inglés. O feito de ter que enfrontarse a situacións cotiás noutra lingua para resolver algúns problemas, ir ao teatro ou ter conversacións telefónicas, por exemplo, constitúe un reforzo e inflexión na aprendizaxe da lingua. Doutra banda, asistir ás clases da materia que impartes permite coñecer de primeira man o vocabulario específico, as expresións e o seu uso no contexto apropiado.
Por outro lado, a observación da práctica docente, da organización escolar ou tratamento da diversidade permite reflexionar sobre a propia práctica e realidade escolar. É interesante descubrir aspectos do sistema escolar transferibles ou adaptables nas nosas escolas, así como as boas prácticas. Neste sentido destacaría:
  • Organización de horarios e espazos: aulas para cada materia / profesor. Períodos lectivos máis longos e con descansos entre eles. Os alumnos trasládanse e non o profesor, de xeito que se gana en eficiencia.
  • Plan de estudos: reducir os contidos e as materias, adelgazar o currículo, dar prioridade ás tarefas e o traballo autónomos, ofrecer máis opcións para configurar o itinerario académico.
  • Agrupamentos: son máis flexibles e en liña coa alta flexibilidade dos itinerarios académicos de cada estudante. Non se fan sempre por idade ou curso, senón por opción persoal (cada alumno opta polas materias que desexa, cuns mínimos obrigatorios),  destreza ou coñecementos previos.
  • Titoría entre iguais: o alumnado de 12º grao (o equivalente a 2º de bacharelato) son titores dalgúns outros grupos, tamén nos aspectos académicos.
Moitos dos aspectos transferibles dependen de decisións que traspasan o ámbito dunha escola polo que dependen da vontade dos lexisladores e gobernantes. Pero algunhas das prácticas, especialmente no contexto da aula, si se poden implementar. En todo caso, debemos ter en conta que as sociedades sobre as que se asenta a escola non funcionan exactamente igual polo que cómpre reflexionar sobre o que pode encaixar ou non; non vale o copia e pega.
O profesorado de Educación Física da Bell HS impartía varias materias dentro do ámbito do departamento: Healthy Living and Personal and Fitness Activities, Healthy Living and Large-Group Activities, Introductory Kinesiology, Healthy Living and Rhythm and Movement Activities, entre outras. Estas foron o foco de observación durante a estadía e supuxo a parte máis interesante, máis aínda pola posibilidade de participar en actividades ligadas ao deporte nacional como o hóckey sobre xeo, algo bastante alleo á realidade galega. Porque outra das características das escolas é a excelente dotación en equipamento e espazos de que dispoñen; no caso da Bell HS tiña a súa disposición o Bell Arena (con pista de xeo regulamentaria), campo de béisbol, de fútbol, un sala de fitness e outra de spinning, un ximnasio e varios espazos máis para EF. En definitiva, asistir ás clases de Physed (Physical Education), como eles lle chaman, interactuar con alumnado e profesorado supuxo un reto enriquecedor.
O manexo da clase de  Physed é bastante similar ao que se leva a cabo en Galicia  pero a forma de organizar esta materia nas escolas difire polo optatividade das materias, a duración dos períodos lectivos (75 minutos) e o currículo. Con todo calquera estudante ou profesor galego non tardaría en adaptarse a estas clases (mesmo ao sosego e ausencia de ruído que caracterizan o desenvolvemento das clases en xeral)
Ademais, asistín como observador a outras clases como  ESL (Inglés como Segunda Lingua), grupos onde se podía comprobar o grado de diversidade cultural das escolas canadenses e o tratamento do ensino da lingua. Tamén puido observar o desenvolvemento noutras áreas como Artes.
En definitiva, unha experiencia recomendable para todo docente e que, por outro lado, tamén nos fai ver que aquí, nas escolas galegas, tamén se está a innovar e a desenvolver moi boas prácticas.

 

Proposta didáctica